CRTVG

Buscar

Alcoa abre a porta a vender as plantas da Coruña e Avilés

Publicado o 15/11/2018 11:24

• A empresa pon como condición que os traballadores senten a negociar o día 22 | O persoal rexeita a oferta de compra

Alcoa cambia de estratexia e abre a posibilidade de vender as plantas da Coruña e de Avilés, e mesmo de ampliar o período de negociación. Un cambio de postura que se produce despois de que a Dirección xeral de Traballo advertise de que non vía vontade negociadora por parte da multinacional. A empresa pon como condición que os traballadores senten negociar.

Os traballadores de Alcoa na Coruña continúan coas mobilizacións. Onte á tarde, levaban comida ao banco de alimentos Rías Altas para agradecer e devolver a solidariedade que están recibindo dos cidadáns. 

O cadro de traballadores mantén cautela ante o suposto cambio de estratexia de Alcoa. Din que non se fían da empresa e que seguirán co seu calendario de mobilizacións ata ter algunha comunicación oficial e por escrito da multinacional. Desde o Ministerio de Industria, anunciábase nas últimas horas que Alcoa abría a posibilidade de vender as plantas da Coruña e de Avilés, e que decidiu prolongar o período do ERE que vencía nuns días para empezar a negociar alternativas ao peche.

O cambio de postura de Alcoa prodúcese despois de que o Ministerio de Traballo tamén tomase cartas no asunto. A Dirección Xeral de Traballo advertiulle por carta á multinacional que non vía verdadeira vontade negociadora pola súa parte, que debeu convocarse unha prenegociación entre as partes, reclamoulle solucións non traumáticas, que aprazase os despedimentos e ampliase o período de consultas. Alcoa respondeu que está disposta coa condición de que os representantes da factoría senten a negociar. Os traballadores están convocados para o 22 de novembro. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/11/2018