CRTVG

Buscar

A dirección de Alcoa pide aos traballadores máis reunións para avanzar no ERE

Publicado o 25/06/2020 21:10

A dirección de Alcoa pediu este xoves aos traballadores da súa planta de San Cibrao (Lugo) un maior número de reunións para avanzar no proceso formal de consultas do despedimento colectivo, o cal terá unha duración de trinta días naturais.

O primeiro dos encontros foi hoxe nun restaurante de Lugo e a representación dos traballadores comunicou quen son os trece membros que compoñerán a súa comisión representativa.

Na reunión, informa un comunicado da multinacional, aprobouse tamén o calendario de próximas reunións da mesa de negociación que, como mínimo, terán lugar os días 2, 9, 14 e 23 de xullo

No proceso formal de consultas iniciado por Alcoa para o despedimento colectivo nas súas instalacións de aluminio en San Cibrao, a empresa mostra a súa disposición para manter todas as conversas que sexan necesarias co propósito de lograr o mellor resultado posible para ambas as partes.

A planta de aluminio de San Cibrao afronta, expón Alcoa, unha situación insostible debido a unha serie de problemas externos de produción e de mercado que fan que a produción de aluminio primario sexa ineficiente e non competitiva, e que están a causar perdas recorrentes moi significativas, que se espera que continúen. 

Por iso, a compañía prevé unha reestruturación da planta de aluminio, onde continuaría operando unha parte da fundición. A produción na refinería non se vería afectada por este proceso formal de consultas.