O TSXG resolve que Alcoa pode executar o ere, pero non parar as cubas en San Cibrao
A xustiza prohíbelle a Alcoa parar as cubas da planta de San Cibrao, aínda que si que pode deter a produción e executar o ere que ten previsto.
Así o determina o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que estima en parte as medidas cautelares que solicitaran os sindicatos.
O #TSXG prohibe a #Alcoa facer calquera actuación que supoña a parada das cubas. Os maxistrados entenden que a empresa pode executar os despedimentos e deter a produción, pero debe manter as cubas activas por se o ERE fose nulo @UGT_Galicia @galizaCIG @ccoogalicia @Alcoa pic.twitter.com/kPQX58TDjK
— TSXG (@TSXGalicia) November 4, 2020
A resolución do alto tribunal di que Alcoa pode despedir os 524 traballadores que ten previsto, e que pode parar a produción da factoría; pero que non pode facer ningunha actuación dirixida a parar as cubas de electrólise, que deberán seguir operativas por se finalmente o ere é declarado nulo.
A xustiza acepta así a principal demanda dos traballadores, e deixa aberta a posibilidade de que a fábrica de San Cibrao siga funcionando.
De feito, tanto o Ministerio de Industria coma a Xunta din que, con este precedente, van intentar abrir de novo un proceso de diálogo con Alcoa para que venda a planta e se poida seguir producindo aquí aluminio primario.
Diego Ballesteros, membro do comité de empresa de Alcoa, di que "é un paso adiante, un balón de osíxenos e forza para seguir loitando".
"É unha sentenza histórica, estamos moi contentos porque conseguimos algo que ninguén conseguira na historia laboral deste país. Pero seguimos pensando que a solución está nos políticos: que obriguen a Alcoa a vender ou que interveñan a fábrica", engade José Antonio Zan, presidente do comité de empresa.
A propia sentenza rexeita calquera intervención do Estado mentras non se dicte sentenza firme sobre o ere. Os traballadores pídenlle ao Goberno que se prepare.
Xosé Núñez, membro do comité de empresa, di que "o que ten que tomar as riendas é o Goberno, buscar unha solución, mediar na venda, unha intervención ou o que queira. Pero ten que buscar unha solución a este problema que se produciu pola inacción do Goberno".
Tras a sentenza do tribunal, tanto o Goberno central coma a Xunta instan a Alcoa a recuperar o diálogo para acordar a venda da factoría de San Cibrao.
O Goberno galego advirte que se a multinacional non se avén a negociar, pediralle ao Goberno unha intervención temporal da planta.