CRTVG

Buscar

Alcoa insiste en parar as cubas para unha posible venda, mentres o comité urxe ás administracións a "paralizar" o ere

Publicado o 22/07/2020 17:55

Alcoa insistiu este mércores na súa postura de parar as cubas da planta de aluminio de San Cibrao co fin de que haxa posibilidades para unha venda da factoría. En cambio, o comité de empresa avisa de que esa opción suporía "a morte" da fábrica, polo que chama a Xunta e Goberno a "paralizar" o ere, cuxo período de negociación finaliza este venres.

Este mércores, representantes da dirección de empresa e dos traballadores tiveron unha nova reunión do período formal de consultas do despedimento colectivo nun restaurante en Lugo, onde os empregados recibiron o apoio do deputado de Podemos Rafa Mayoral. Logo do encontro, Alcoa dixo "non estar pechada a unha venda", pero incide en que "se hibernen as cubas de electrólise para parar as perdas da planta".

Unha postura xa avanzada por carta hai uns días polo presidente da compañía en España, Álvaro Dorado. A multinacional aduce que as perdas ascenden a máis dun millón de euros á semana, polo que as cubas "teñen que parar canto antes". A compañía sostén que o proceso de venda "require un tempo para a súa execución e o seu éxito é incerto". "Por iso, antes de iniciar calquera proceso de venda, é necesario parar de maneira ordenada as cubas, porque urxe frear estas perdas", reitera. Respecto ao proxecto industrial do Goberno, afirma non ter "ningunha concreción".

 En declaracións aos medios após a reunión, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, sinalou que os traballadores expuxeron alternativas, pero "Alcoa non quere entrar a traballar nin explorar ningunha delas", só "falar da parada das cubas", unha medida que "é totalmente errónea" e "ten un custo superior a buscar unha solución". "A solución non se busca pondo máis que pegas ou dicindo que só queren falar do paro das cubas, que ao final é a morte da planta de aluminio", deixa claro

E é que Zan urxe o Goberno e a Xunta a que "se poñan a desenvolver mecanismos" para evitar o despedimento de 534 empregados que se fará efectivos esta semana. Empraza a "salvar" a fábrica cunha venda ou unha intervención total ou parcial. Entre eses mecanismos lembra que a ministra de Industria, Reyes Maroto, xa se referiu a que Alcoa terá que devolver 38 millóns en axudas por CO2 se pecha, de maneira que cre que por aí se pode forzar unha venda.

"Ante esta situación que está a pór Alcoa encima da mesa, só queda que as dúas administracións fagan os seus traballo e paralicen este ere, que non ten sentido", clama o presidente do comité de empresa. Lamenta que "Alcoa só pon unha alternativa que é o peche", pero "non pode ser que unha multinacional teña de xeonllos dous gobernos".

Noticias web

22/07/2020