CRTVG

Buscar

Alcoa activa o período formal de consultas para despedir 534 traballadores de San Cibrao

Publicado o 25/06/2020 14:34

A dirección de Alcoa volveu a reunirse co comité de empresa, de novo nun restaurante de Lugo, para iniciar este xoves o período formal de consultas do proceso de despedimento colectivo que podería terminar con 534 traballadores da fábrica de Aluminio Primario de San Cibrao na rúa, ademais da repercusión que tería esta decisión sobre todas as empresas auxiliares.

Para seguir reclamando unha solución, centos de traballadores de Alcoa, arroupados por veciños da Mariña e representantes de todos os partidos políticos, concentráronse este mediodía ante a sede da Subdelegación do Goberno en Lugo, onde a reclamaron ao executivo de Pedro Sánchez e á Xunta de Galicia a intervención pública da planta.

"Hoxe é un día moi triste para toda a industria española, o Goberno de España e a Xunta de Galicia teñen que poñer xa os 'ovos' encima da mesa e empezar a buscar solucións, non se poden permitir que se destrúa a industria do aluminio e que quedemos sen fabricar aluminio en España, para importar un millón de toneladas do estranxeiro", dixo aos medios o presidente do comité, José Antonio Zan.

Na mesma liña, sostivo que "hai que defender a industria nacional" e que "non se pode permitir esta deslocalización" e "esta gran fraude que está a cometer Alcoa".

Lembrou, nese sentido, que "cando compraron a antiga Inespal estaba formada por once empresas e agora mesmo queren acabar coa última, non se pode permitir esta animalada industrial". "Non se pode permitir que en España non fabriquemos aluminio primario, é unha auténtica animalada industrial", insistiu Zan.

Segundo o seu criterio, "a empresa é unha multinacional, non podemos esperar nada das multinacionais, pero para están o Goberno e a Xunta de Galicia, para defender á industria dun país e para defender ao país". Por iso, opina que 2este Goberno ten que dicir se quere industria ou non. Se vai intervir esta industria ou non. Se se van a dobregar o Goberno e a Xunta de Galicia ou van defender aos cidadáns e á industria do país. Teñen que dicir que queren facer".

En canto ás propostas presentadas polo Goberno durante a reunión da Mesa Multilateral de Alcoa,  Zan afirmou que a partir de agora "as propostas teñen que ser concretas" e chegar "por escrito". Nestes momentos, asegurou que xa non serven as "boas intencións", porque hai que defender "a industria nacional".

Neste caso concreto, lembrou, "o único problema é o marco regulatorio", porque os traballadores de Alcoa en San Cibrao "son auténticos profesionais" e se lles "deixan facer o seu traballo" e se soluciona o problema da enerxía, "haberá industria do aluminio en España para moitos anos".

Noticias web

25/06/2020