Alcoa informa o comité de que o grupo Liberty House está interesado en comprar as dúas plantas
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informa de que a multinacional lle comunicou esta mañá, no transcurso da reunión que se está celebrando en Lugo -dentro do período de consultas do ERE-, que o comprador interesado en quedar coa fábrica é a multinacional do sector metalúrxico Liberty House Group.
Segundo informa o comité de empresa, a compañía aclarou que ese posible comprador estaría interesado na adquisición das dúas plantas que forman o complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, tanto a de alúmina como a fábrica de aluminio primario.
Con todo, Alcoa tamén lle comunicou á representación dos traballadores que só está interesada en levar a cabo a venda coas cubas paradas, algo ao que se opón de forma rotunda o comité de empresa porque sostén que iso significaría "matar o corazón da fábrica".
Ademais, a multinacional tamén informou ao comité de que, neste momento, só estaría interesada en vender a planta de aluminio.