CRTVG

Buscar

Alcoa rompe as negociacións de venda e ofrécelles ao persoal o ere ou un ERTE

Publicado o 28/09/2020 15:05

Alcoa prepara o expediente de regulación de emprego tras o fracaso da súa venda. A Xunta e o Goberno central acusan a multinacional estadounidense de actuar de mala fe, e o comité de empresa di que non vai permitir que paren as cubas da factoría de San Cibrao. Hoxe a empresa reuniu os traballadores en Nigrán.

A intención de Alcoa é negociar co comité de empresa o despedimento de 534 empregados da factoría de San Cibrao. Algo inasumible para os representantes dos traballadores.

Alcoa rompeu as negociacións con Liberty House unha hora antes de que rematara o prazo establecido, e rexeitou mesmo a proposta do Goberno central, que estaba disposto a mercar temporalmente a planta de San Cibrao a través da SEPI.

Os alcaldes da Mariña comparten esta sensación, e insisten na viabilidade da planta.

Administracións e traballadores aseguran que van seguir traballando unidos para garantir a continuidade da factoría de San Cibrao.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, denunciou que a multinacional estadounidense condicionou a "despedimentos asinados" unha ampliación do prazo de negociación coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) para a venda da fábrica.

"O ERTE na factoria de aluminio é o mesmo que un ere porque é parar as cubas. E, se paras as cubas, matas a planta igual, o único que fas é separar un pouco o tempo que tes de despedimento pero, ao final,estás despedido igual. é un despedimento en diferido", di Zan.

A Xunta e o Goberno sinalan a multinacional

A Xunta e o Goberno central  sinalan a Alcoa como a culpable do fracaso da venda.  O  conselleiro de Economía acusa á multinacional de traizoar a confianza dos traballadores e das administracións. Desde o Ministerio de Industria tamén acusan a Alcoa de actuar de mala fe.

"Confírmanos a súa mala fe. Hai un socio industrial para os próximos 20 anos, nin dous, nin tres, 20 anos. Hai alguén que quere seguir producindo aluminio primario e, polo tanto, non hai ningún motivo para seguir sometendo a este sufrimento os traballadores", di Raúl Blanco, secretario xeral de Industria.

"A posición durante todo o proceso do Goberno de España e da Xunta de Galicia foi común. Foi unha decisión unánime das dúas administracións, esperamos Alcoa poida mudar a súa situación e poida atender a razóns. Non hai ningún argumento que nestes momentos poida xustificar esta decisión por parte de Alcoa", afirma Francisco Conde, conselleiro de Economía.

 

No Parlamento, os tres grupos criticaron a posición da empresa nas negociacións. Pero parece que aínda ven posibilidades de futuro para a factoría.

Noticias web

28/09/2020