CRTVG

Buscar

Alcoa, Ferroatlántica e Celsa piden en Santiago un prezo competitivo da electricidade

Publicado o 20/05/2019 19:42

Os traballadores das empresas electrointensivas galegas, as que máis electricidade consomen para producir, denuncian que a falta dun regulamento enerxético está acabando co sector. Por iso suman forzas para pedirlle ao Goberno que tome medidas. A máis inmediata, din, a aprobación do estatuto das electrointensivas, anunciado polo Executivo para evitar o peche de Alcoa e paralizado desde o mes de abril.

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña: "Vimos aquí dicirlle ao Goberno que ten os deberes sen facer, que ten que sacar ese estatuto das electrointensivas xa, que non pode esperar máis".

Os manifestantes calculan que unhas 4.000 familias galegas dependen das industrias electrointensivas, que consideran abocadas ao peche se non se fixa unha tarifa estable para a electricidade.

Agustín Méndez, presidente do comité de empresa de Celsa Atlantic na Laracha: "Que nos facilite un marco enerxético que nos permita competir en igualdade de condicións ca o resto de plantas de Europa e do mundo. Que permita á nosa industria seguir facendo inverstimento".

Alberto Ferreiro, presidente do comité de empresa de Ferroatlántica en Sabón: "Queremos que os políticos dunha vez por todas poñan ao que se teñen que poñer e solucionen este problema enerxético neste país".

O conselleiro de Industria da Xunta de Galicia reuniuse cos traballadores ao remate da manifestación. O Goberno galego apoia as súas demandas ante o Executivo central.

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria: "Nós o que precisamos neste momento é un cambio de actitude por parte do Goberno, que está facendo dende hai moitas semanas cálculos electorais coa situación dos traballadores. Precisamos pasar aos feitos e que haxa unha concreción no estatuto dos consumidores electrointensivos e que haxa un prezo eléctrico competitivo".

Na marcha participaron tamén representantes de En Marea, BNG e En Común-Unidas Podemos.

 

 

 

Noticias web

20/05/2019