CRTVG

Buscar

A evolución dunha historia de éxito industrial á ameaza de peche

Publicado o 28/05/2020 15:02

A factoría de San Cibrao comezou a funcionar un 6 de outubro de 1980. Dende aquela, o desenvolvemento da costa lucense camiñou da man da fábrica. O complexo de San Cibrao está composto por dous centros de produción: un de aluminio e outro de alúmina, que suman máis de mil empregados.

O principal problema destas empresas é o seu elevado consumo de electricidade así que, se o prezo da luz é moi alto non son competitivas. Cústalles máis fabricar que o que gañan coa venda do produto que elaboran.

No 2015 Alcoa era rendible, e para este 2020 as previsións que se barallaban en xaneiro eran de perdas de 16 millóns de euros en alúmina e 66 millóns en aluminio.

Toda a comarca da Mariña mobilizouse en repetidas ocasións para salvar a fábrica. Traballadores e veciños reclamando un estatuto das electrointensivas, que é o único marco legal que pode rebaixar o prezo do megawatt.

O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan di que  "se non temos un estatuto e un prezo estable e competitivo toda a Mariña e un terzo da provincia de Lugo volverán ao ano 1976"

O Goberno presentou un borrador de estatuto que non convenceu aos traballadores.

Varias xuntanzas e manifestacións despois e co prezo da electricidade disparado o futuro da factoría está no aire, non é viable sen o estatuto.

José Antonio Zan lamenta que o estatuto estea "deseñado para empresas que son grandes consumidoras de enerxía e non se pode meter a todos no mesmo saco".

En febreiro deste ano, a ministra insitía en que habería estatuto: "O que lles digo aos traballadores que esperan polo estatuto que conten que o Goberno está traballando e analizando as alegacións".

Pero o estatuto aínda non chegou e o pulmón económico da Mariña queda sen aire. Precisa con urxencia dun salvavidas do que dependen miles de familias.

Noticias web

28/05/2020