Os traballadores de Alcoa prepáranse para dar a batalla polos seus postos de traballo
• Alcoa desoe as alternativas e segue adiante co plan de despedimentos
• Concentración en Viveiro en defensa da continuidade da factoría de San Cibrao
• Feijóo: "Sen o paquete de interrompibilidade o Goberno sentencia Alcoa"
O comité de empresa de Alcoa reúnese hoxe para programar o calendario de mobilizacións contra o ERE na factoría de San Cibrao. A multinacional anunciáballes onte que o vindeiro xoves día 25 iniciará o proceso de despedimento colectivo de 534 traballadores.
Alcoa non recúa e comeza a conta atrás para o ERE na planta de aluminio de San Cibrao. O presidente de multinacional en España comunicáballes onte por carta a todos os empregados a intención de facer efectivo o medio milleiro de despedimentos, o 85 % do cadro de persoal, e fixaba a data do 25 de xuño para iniciar o proceso formal de negociación do ere, que durará un mes.
A decisión colleu os membros do comité de empresa nunha xuntanza en Lugo con directivos da multinacional estadounidense. Aseguran que isto constata a falta de vontade absoluta de Alcoa por buscarlle unha solución de futuro á factoría e lamentan que nin sequera agardase á reunión da mesa multilateral entre Goberno, Xunta, empresa e sindicatos que estaba convocada para o día 23.
"Nós non temos tempo antes de que acabe o verán para poder sobrevivir. Isto pode ser unha debacle para a Mariña lucense e para a provincia. Os políticos deben ter decencia e dicir se queren ter industria electrointensiva", aseguraba José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa.
No comité recrimínanlle precisamente ao Goberno os atrasos para aprobar o estatuto das empresas electrointensivas e aseguran que é o momento de que o Ministerio de Industria tome cartas no asunto.
Este mércores ao serán realizouse unha concentración diante do Concello de Viveiro convocada pola Plataforma polo Futuro da Mariña. O comité de empresa xa anunciou que intensificará as protestas na rúa para reclamar a continuidade da última fábrica de aluminio primario de España e o mantemento do 100 % dos postos de traballo.