CRTVG

Buscar

Alcoa rompe as negociacións e en quince días decide se pecha San Cibrao

Publicado o 06/08/2020 21:50

A dirección de Alcoa dá por roto o diálogo co comité de empresa e anuncia que en quince días decidirá se pecha a factoría de San Cibrao.

O futuro da fábrica e dos empregos segue no aire tras suspenderse esta mañá a última reunión prevista para negociar o ERE. Os representantes dos traballadores piden a mediación da Xunta e do Goberno central para salvar a empresa.

Era a última reunión prevista para negociar o ERE de Alcoa e o comité sentou só na mesa. A empresa decidiu abandonar a negociación tras ser recibida así por un grupo de traballadores.

Horas máis tarde, nun comunicado, Alcoa cualificou a protesta como violenta e intimidatoria, e di que non se dan as condicións para seguir negociando presencialmente.

Na mesma nota, defende que presentou varias alternativas para a fábrica de San Cibrao, que incluían manter as cubas funcionando, pero que non foron aceptadas. Polo que di que en quince días comunicará a súa decisión sobre a factoría.

O comité de empresa discrepa abertamente. Di que Alcoa rexeitou prorrogar seis semanas as negociacións, o tempo que deu Liberty House para mercar a empresa, e que pretendía asinar o ERE antes de negociar a venda.

"Levantouse da mesa cunha proposta enriba da mesa e deixándonos coa palabra na boca", di José Antonio Zan, presidente do comité de empresa.

O comité xa pediu unha nova xuntanza coa dirección, e pide a mediación da Xunta e do Goberno central no proceso.

"Pedímoslles á Xunta e ao Goberno que senten con nós, porque estamos totalmente desamparados. Onte pasaron da ministra... Que lle fai falta a Pedro Sánchez para que se molle neste conflito?", engade José Antonio Zan.

Os traballadores de Alcoa manifestaranse este venres diante do Parlamento, e piden o apoio de todas as forzas políticas para salvar, din, o futuro da Mariña.

Noticias web

06/08/2020