CRTVG

Buscar

Alcoa chega a un preacordo con Parter para a venda das fábricas da Coruña e Avilés

Publicado o 02/07/2019 08:56

Cando parecía que a venda das factorías de Alcoa da Coruña e Avilés estaba encallada, a multinacional norteamericana alcanza un principio de acordo coa suíza Parter. A transacción podería materializarse esta mesma semana. Para establecer as garantías da operación amplíase o prazo ata o 31 de xullo. Alcoa e Parter pecharon este acordo nunha reunión en que tamén estiveron os sindicatos, os comités de empresa, os gobernos de Galicia e Asturias e os ministerios de Traballo e Industria.

"Esta semana concretaríase a compra-venda e durante este mes acabaríanse de concretar as condicións fixada na compra-venda. Agardamos que se peche positivamente e cunha venda que garantice o futuro industrial e laboral das dúas factorías", afirma Raúl Blanco, secretario xeral de Industria en funcións.

Alcoa convocou os representantes dos traballadores o próximo mércores para presentarlles o borrador do proceso de venda. A multinacional insiste en que teñen que ratificar o acordo, pero o comité de empresa di que eles só teñen que ser informados da fin do proceso.
"Hai que facer unha acta final deste proceso onde Alcoa nos informe de que decidiu vender as factorías a Parter e nada máis. Iso é o que queda por facer agora mesmo. Non entendemos a que vén esta teima de Alcoa de que quere unha ratificación de todo o proceso", asegura Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña.

O Goberno galego celebra o achegamento de posturas entre Alcoa e Parter. O conselleiro de Economía agarda lograr obxectivo final, que, dixo Conde, é o mantemento da actividade das factorías máis alá dos dous anos.
"Que se establezan as condicións desde o punto de vista enerxético porque, doutra maneira, non se pode competir en igualdade de condicións con outros países europeos. Isto significa concretar o estatuto dos consumidores electrointensivos e o Goberno ten unha oportunidade ata o 31 de xullo para poder establecer un marco que permita garantir o mantemento da actividade máis alá dos dous anos que é o acordado entre Alcoa e Parter", di Francisco Conde, conselleiro de Economía.

Segundo o comité de empresa de Alcoa, a ministra de Industria en funcións díxolles que o estatuto de electrointensivas, estaría "tan pronto estivese o novo Goberno operativo".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/07/2019