CRTVG

Buscar

Alcoa afirma que "a día de hoxe" non hai alternativas ao ERE na planta de San Cibrao

Publicado o 16/07/2020 20:53
Alcoa afirma que "a día de hoxe" non hai alternativas ao ERE na planta de San Cibrao

O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, sostén que "a día de hoxe" non hai alternativas "concretas e realistas" ao despedimento colectivo que se prevé na planta de San Cibrao (Lugo) e defende que "as posibilidades de que se puidese realizar a venda da planta de aluminio serán maiores se se hibernan as cubas" e se frean as "perdas".

Así o expón nun escrito remitido aos representantes dos traballadores no que indica que Alcoa "desexa explorar calquera alternativas ou propostas" que se expoñen, "agora ben, nun escenario en que a planta de aluminio perde 1.200.000 euros á semana, a alternativa non pode ser a única que até agora expuxo a comisión representativa dos traballadores, consistente en esperar ata que exista un marco enerxético competitivo e garantido".

"Non podemos basearnos en hipóteses que a día de hoxe non existen", avisa. "Levamos anos esperando un marco enerxético estable e competitivo que nunca chega, o proxecto de estatuto para as electrointensivas coñecido a día de hoxe é insuficiente e carece de toda garantía ou certeza", prosegue.   

Ademais, Dorado critica que a proposta presentada polo Goberno na mesa de traballo multilateral de Alcoa San Cibrao do pasado 23 de xuño "non ten concreción e non garante un prezo competitivo; a súa aplicación é incerta e non asegurada nin para 2020 nin para anos posteriores".

A empresa afirma que as posibilidades de venda pasan por parar as cubas 

Xunto con isto, Dorado asegura que Alcoa "está disposta" a discutir un proceso de venda da factoría de aluminio, pero non ve "posible" que un investidor "poida lograr que a planta de aluminio sexa rendible tendo en conta os factores estruturais que afectan a este".

Tamén expón que "un proceso de venda destas características require tempo", aínda que asegura que non existe o necesario coas perdas existentes. "Por iso, calquera escenario de venda ten que ir precedido necesariamente dunha hibernación ordenada das cubas", engade.   

Considera que "dificilmente un potencial comprador estará disposto a pagar para adquirir unha planta que ofrece tal nivel de perdas". En consecuencia, avoga por parar as cubas para que haxa máis posibilidades.   

Álvaro Dorado estima que o custo de renovar as cubas "estaría nun rango de entre 30 e 40 millóns de dólares", "notablemente inferior ás perdas que, a día de hoxe, xera a planta de aluminio nun ano".   

Finalmente, o presidente de Alcoa España empraza os traballadores a unha reunión a próxima semana no marco do proceso formal de consultas do ERE, que finaliza o 24 de xullo.

Por outra banda, os traballadores reclamaron que se amplíe ese período un mes máis, mais a empresa dixo que a súa extensión dependerá de que se identifiquen "avances" cos traballadores.