CRTVG

Buscar

Prórroga ata o 8 de xullo para a venda das plantas de Alcoa en Coruña e Avilés

Publicado o 29/06/2019 21:05

Alcoa accedeu a prorrogar ata o 8 de xullo o proceso de venda das factorías de Avilés e da Coruña para que o fondo suízo Parter poida acreditar a súa liquidez. Son oito días de marxe sobre a data límite que chegan despois de que a multinacional paralizara a venda por sorpresa, alegando que o comprador non ofrece garantías financeiras dabondo. Todas as partes implicadas volverán reunirse o luns.

Para os traballadores de Alcoa, os últimos movementos da compañía estadounidense confirman o que levan tempo denunciando. A multinacional do aluminio non ten intención de vender. Juan Ramón Paseiro, do comité de empresa de Alcoa: "Desde o inicio sempre quixo pechar as plantas, eliminar competencia. Nós sempre falamos de deslocalización e ao final e o que se está demostrando. Alcoa segue engañando, cando se achega unha posible solución Alcoa volve ao inicio."

Alcoa paralizou a venda das plantas da Coruña e de Avilés no último momento, alegando que Parter non ofrece as garantías financeiras esixidas. O anunciou chegou por sorpresa, ao límite do calendario e das forzas dos traballadores, que lle esixen contudencia ao Goberno. "Onte se presentou na mesa e foi quen de forzar unha prorróga dunha semana máis para que Parter aclare cal é a situación e para retomar a venda, pero o Goberno ten que estar máis enriba do proceso porque creo que lles quedou claro como actúa esta multinacional."

Finalmente Alcoa adiou ata o oito de xullo o proceso do ERE, unha semana gañada sobre o prazo fixado pola multinacional que debe servir para que o posible comprador acredite a súa solvencia financeira. O próximo luns todas as partes implicadas neste proceso volverán reunirse en Madrid.

Noticias web

29/06/2019