CRTVG

Buscar

Alcoa accede a ampliar ao 4 de agosto a negociación do ere de San Cibrao

Publicado o 23/07/2020 18:03

A multinacional Alcoa accedeu a ampliar ata o próximo 4 de agosto o período de consultas do expediente de despedimento colectivo contemplado para a única fábrica de aluminio primario que queda en España e que está situada no municipio lucense de San Cibrao.

O comité de empresa, presidido por José Antonio Zan, indicou que tal decisión produciuse despois de "duras negociacións" e nun comunicado indicou que as próximas reunións entre a compañía e os traballadores con motivo deste proceso que afectaría máis de medio milleiro de traballadores serán os días 28 e 30 de xullo e as xornadas do 3 e 4 do mes que vén.

A planta de aluminio de San Cibrao, alega Alcoa, afronta unha situación que cualifican de insostible debido a unha serie de problemas externos de produción e de mercado que fan que a produción de aluminio primario sexa "ineficiente e non competitiva", e que están a causar, proseguen na súa nota, perdas recorrentes moi significativas, que se espera que continúen.

A firma prevé por estas razóns unha reestruturación. O complexo industrial de San Cibrao, asentado entre os municipios mariñáns de Xove e Cervo, está composto por unha fábrica de aluminio e unha planta de alúmina, que empregan a 633 e 510 persoas, respectivamente, e o seu peso na economía local é de tal envergadura que representa un terzo do produto interior bruto da provincia de Lugo.

O impacto sobre a provincia lucense, en xeral, e sobre a economía da comarca da Mariña, de forma particular, sería realmente brutal se finalmente a multinacional leva a termo os despedimentos anunciados, dado que, na práctica, supoñería deixar a planta de aluminio primario practicamente sen persoal, coas consecuencias inmediatas e directas para o emprego nas empresas auxiliares. 

"Foi unha reunión moi dura. Conseguimos aprazar un tempo o ere, que era o que estaban pedindo as administracións para poder poñer elas esa solución enriba da mesa. Agora estamos contentos porque gañamos ese tempo e esperanzados con que a ministra dunha vez cumpra a súa parte e a Xunta de Galicia tamén e poñamos entre todos unha solución que fai falta enriba da mesa", di José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

 

 

Noticias web

23/07/2020