CRTVG

Buscar

Núñez Feijóo confirma que se presentará á reelección como líder do PPdeG

Publicado o 01/06/2021 14:27

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este martes que se presentará de novo para liderar o PPdeG, que dirixe dende xaneiro de 2006, cando sucedeu a Manuel Fraga.

Durante unha intervención ante a Xunta Directiva do partido, que lle deu o visto e prace á celebración do congreso os días 16 e 17 de xullo en Pontevedra, anunciou que chegará o día en que dea un paso á beira.

Nun discurso no que reivindicou a súa xestión durante a crise sanitaria e arremeteu contra o Goberno central, Núñez Feijóo salientou que a tarefa máis importante que afrontan, tanto o partido como a Xunta, é a reactivación económica pospandemia.

"Se lle parece ben á militancia, volverei pedir a confianza para presidir o PP de Galicia. Sigo á disposición do partido no que creo, que é o meu xeito de seguir á disposición de Galicia. Creo que neste momento, con tres anos longos de lexislatura por diante, é necesario que o Goberno (autonómico) e o partido sigan unidos", dixo un emocionado Alberto Núñez Feijóo entre os aplausos da asistencia.

O líder do PPdeG, coas súas catro maiorías absolutas á fronte da Xunta, asegurou que o partido está coas persoas "con fame de querer facer as cousas mellor, de aprender todos os días e de estar ao dispor dos demais". 

Asegurou que "a principal conclusión" política desde que relevou a Manuel Fraga no 2006 é que "os  personalismos non son útiles se non son capaces de influír nos equipos" e lembrou que dende a vitoria en 2009 ata a pasada en 2020 o partido tivo dous secretarios xerais e varios presidentes provinciais.

"O PP non é un proxecto individual de ninguén, é un proxecto colectivo, e o que non o entenda non entende o PP", concluíu.

Núñez Feijóo fixo referencia tamén á etapa de oposición, entre 2005 e 2009, con el á fronte desde 2006, que supuxo un verdadeiro "manual de resistencia, de humildade 3e de servizo", a partir do cal o partido en Galicia soubo seguir para "gañar as eleccións e para gobernar", salientou.

O líder do PPdeG insistiu en que a vitoria do pasado mes de xullo supuxo para Galicia quedar "á marxe da inestabilidade política" que na súa opinión caracteriza o conxunto da política española e defendeu a súa idea de PPdeG, nin nacionalista nin socialista nin populista, senón "reformista,  constitucionalista, europeísta e galeguista".

Nunha intervención en que xustificou o momento para celebrar o congreso do partido, posposto pola pandemia, arremeteu contra a xestión da crise sanitaria por parte do Goberno. Na súa opinión, deixou soas as comunidades e abdicou das súas responsabilidades. Ademais, criticou a política enerxética do Executivo central, que pon en risco 15.000 empregos en Galicia.

Noticias web

01/06/2021