CRTVG

Buscar

Núñez Feijóo non agocha o seu malestar coa xestión que o Goberno está a facer desta crise

Publicado o 05/04/2020 16:13

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informa do tratado na reunión telemática de presidentes autonómicos deste domingo cinco de abril, co presidente do Goberno, Pedro Sánchez. O titular do executivo recolleu as propostas dos dirixentes territoriais, entre elas as que lle fixo chegar o titular da Xunta.

Feijóo agarda que do millón de tests que anunciou o presidente Sánchez, polo menos cheguen a Galicia unha partida de 60.000 probas. Esta cantidade podería chegar este luns ou martes.

Pediu un protocolo de comunicación claro, para coordinar os datos e estatísticos agregados que se envían desde cada comunidade, evitando no posible a confusión que se pode crear en función dos criterios de contaxe. Tamén lle preguntou se existe algún outro protocolo sobre o uso xeneralizado de máscaras protectoras.

Feijóo confirmou que o 11 de abril "caduca o decreto publicado o domingo 26 de marzo, co que se poderá recuperar a actividade económica dun xeito pautado, extremando as medidas de seguridade, hixiene e distanciamento entre traballadores. A construción, a industria metalúrxica, a industria do aluminio e a automoción poderanse ir recuperando a partir dese momento.

Unha das queixas que lle trasladou a Pedro Sánchez é que o Goberno teña confiscados os fondos de emprego e vivenda que lles corresponden ás autonomías. Tamén reclamou que se axilicen ao máximo os trámites relacionados co pago dos ERTE, así como da devolución do IVE, necesarios para que as empresas e os traballadores poidan dispoñer de liquidez nun momento tan crítico como o presente.

Lembranza aos galegos da diáspora e os mariñeiros

O presidente da Xunta fixo unha especial mención para todos aqueles galegos que están fóra da terra, ou fillos de galegos, preocupados polas noticias que poidan trasladarlles os seus familiares. Do mesmo xeito, enviou un saúdo aos mariñeiros que a pandemia colleu faenando nas distintas augas do mundo.

Feijóo lamentou o falecemento dun membro galego das forzas de seguridade, a quen -dixo- "non se pode honrar no seu enterro", igual ca o resto de finados durante estes días.