CRTVG

Buscar

'Alba de Gloria', unha exposición interactiva sobre o último discurso de Castelao

Publicado o 07/11/2018 22:02

Este discurso 'Alba de Gloria' de Castelao foi o último que pronunciou en vida e fai 70 anos, unhas vellas palabras que a exposición amosa dun xeito interactivo e innovador.

A mensaxe de Castelao busca nesta mostra recrear da maneira máis próxima e emotiva ese momento xa histórico en Bos Aires. O último discurso que fixo en público e que neste espazo podemos escoitar coma se estivéramos alí, grazas á tecnoloxía de realidade virtual. Pero hai moito máis na mostra, como a única gravación sonora de Castelao e outras xoias que xa forman parte do noso patrimonio, vinculadas aos nosos galegos ilustres. Por iso a Igrexa de San Domingos de Bonaval, onde moitos están soterrados, semella o lugar idóneo para esta cita coa cultura galega.

O discurso 'Alba de Gloria' de Castelao data do 25 de xullo de 1948, pero segue estando vixente. Na exposición analízase o seu xermolo buscando recrear as emocións que sentiu a xente alí en Bos Aires. Está insipirada na propia idea de Castelao de utilizar os formatos máis novedosos do seu tempo para chegar a públicos moi diferentes.

Un dos tesouros desta mostra é a única gravación sonora que se garda de Castelao. Feita desde Bos Aires, en castelán, antes da estrea dos Vellos non Deben Namorarse.

E que pensaría Castelao desta mostra tan innovadora arredor da súa figura? Non podemos esquecer a Santa Compaña que Castelao ilustra con personaxes da época e coa que tamén xoga esta mostra, que é toda unha experiencia sensorial.





 

Noticias web

07/11/2018