CRTVG

Buscar

Alan García deixou unha carta en que aseguraba que "non tiña que sufrir inxustizas"

Publicado o 20/04/2019 14:44

Este autobús en que viaxaba unha delegación de militantes do partido aprista, ao que pertencía Alan García, sufría un accidente de madrugada.

O bus ía de Piura cara á capital do Perú para acudir ao sepelio do ex-presidente cando se estrelaba contra a estrutura dunha ponte. O vehículo levaba 54 pasaxeiros a bordo. Houbo polo menos oito mortos e uns 43 feridos.

Horas despois, unha multitude despedía o ex-mandatario peruano. Alan García suicidárase dun disparo na cabeza o mércores pasado cando ía ser detido por presunta corrupción.

Tras un velorio emotivo con familiares, amigos e seguidores do ex-presidente, o féretro foi trasladado a ombros polo centro histórico de Lima, acompañado por milleiros de seguidores, que lle quixeron render unha última homenaxe.

Alan García, que sempre negou as acusacións de subornos no caso Odebretch, deixou unha carta en que aseguraba que non tiña que sufrir "a inxustiza" de ser detido.

A misiva leuna a súa filla, Luciana García Nores, durante o último día do velorio na sede do Partido Aprista peruano en Lima.

O ex-presidente engadía nesa carta que deixaba o seu "cadáver como mostra de desprezo" cara aos seus "adversarios" e volvía negar as acusacións.

Os restos mortais do ex-mandatario foron despois conducidos cara ao cemiterio para seren incinerados na intimidade familiar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/04/2019