CRTVG

Buscar

Baixan os casos activos pero aumentan a 681 os falecidos con covid-19 en Galicia

Publicado o 12/09/2020 20:23
Baixan os casos activos pero aumentan a 681 os falecidos con covid-19 en Galicia

 

O Sergas notificou este sábado pola tarde o falecemento de dúas persoas que foran diagnosticadas de covid-19. Trátase de dous homes de 75 e 87 anos que estaban ingresados no hospital de Verin. Ambos presentaban patoloxías previas. 

Con estas, son cinco as mortes nas últimas 24 horas. O sábado pola mañá anunciaran tres vítimas: un home de 77 anos ingresado no hospital da Coruña, unha muller de 87 anos atendida no hospital de Lugo pero que procedía da residencia do Incio, na que se producíu o terceiro deceso, o dun home de 92 anos.

A cifra de falecidos en Galicia desde que comezou a pandemia elévase a 681 persoas. 

Este sábado, o Sergas notifica 4.336 casos activos de covid-19 en Galicia, cun descenso de 25 sobre as cifras do sábado. Os novos contaxios estabilízanse en 241 persoas nas últimas 24 horas.

1.340 dos casos activos son da área da Coruña, 848 da de Lugo, 486 de Ourense, 439 de Pontevedra, 364 de Vigo, 679 en Santiago e 180 da de Ferrol. Supoñen un aumento en Pontevedra e Ourense e un descenso na Coruña.

Dos pacientes positivos, 28 están nas UCI, dous máis que a xornada anterior, 206 en unidades de hospitalización, con 5 máis e 4.102 están en seguimento domiciliario. As persoas que superaron a covid-19 en Galicia son 14.993, 263 máis que o venres.

Entre os contaxiados hai 262 usuarios de centros de maiores e 82 profesionais das residencias. Desde o comezo da pandemia realizáronse 389.608 probas PCR para detectar o virus.