Agriden o párroco de Mondego, en Sada, e levan 400 euros
Foi unha veciña a que deu a voz de alarma, a mesma que por medo a posibles represalias dos asaltantes prefire manterse lonxe das cámaras. Di que todo sucedeu moi rápido. Puido ver como tres persoas roldaban polos arredores da vivenda, que está preto da igrexa. Sorprendeulle, porque pola hora que era, lembra que pasaban das nove da noite, ninguén acostuma frecuentar esta zona.
Pouco despois xa escoitou voces que viñan de dentro da casa, achegouse ata alí e foi cando se atopou co párroco, un home de 86 anos, tirado no chan. Con el tamén estaba a muller que traballa na igrexa, que tiña feridas leves, ao ser agredida polos asaltantes.
Os homes entraron na vivenda golpeando a porta. Xa no interior actuaron con violencia para reducir as vítimas; buscaban cartos e conseguiron facerse cun botín de apenas 400 euros. Por sorte, os danos persoais non foron maiores. Conseguiron fuxir e agora a Garda Civil séguelles a pista.