Agriden a golpes un policía en Pontevedra tras seren advertidos por non levar máscara
Un axente da Policía Nacional de Pontevedra foi atendido nun centro hospitalario da cidade tras ser agredido a golpes por dous mozos que foran amoestados por un dos seus compañeiros por non levar máscara.
O suceso produciuse a última hora de onte nunha céntrica rúa de Pontevedra cando un policía que estaba fóra de servizo instou un grupo de mozos a que se puxesen a máscara.
Ante a súa irada reacción, o axente pediu reforzos e cando chegaron varias patrullas os ánimos acendéronse aínda máis.
Un dos policías foi agredido e caeu ao chan, golpeándose con forza na cabeza.
Os sindicatos policiais difundiron o vídeo da agresión por redes sociais e condenaron o ataque sufrido polo seu compañeiro, avanzando que os seus servizos xurídicos comparecerán na causa contra estes dous mozos.
Os agresores foron detidos e pasarán a disposición xudicial nas próximas horas.