CRTVG

Buscar

Agride un axente despois de golpear un home ao que preguntou por un bordel

Publicado o 06/08/2020 13:47
Agride un axente despois de golpear un home ao que preguntou por un bordel

A Policía Local de Vigo detivo un vigués de 33 anos, cunha esvástica nazi tatuada nunha perna, que golpeou un dos axentes que mediaron nunha pelexa que mantivo cun senegalés despois de preguntarlle pola localización dun bordel.

Segundo informou este xoves a policía a EFE, os feitos tiveron lugar onte pola noite na rúa Baixada a Mestre Chané, onde o agora detido chamou a varios portais preguntando por un prostíbulo.

Nun dos inmobles aos que chamou había un senegalés de 46 anos que, ao escoitar ruído no portal, decidiu baixar, momento en que o detido comezou a golpes e patadas con el.

Nese intre, o inquilino dunha vivenda contigua, á que chamara o agresor coa mesma pregunta, presentouse no portal onde estaba a ter lugar a pelexa e auxiliou o senegalés para, entre os dous, reducilo.

Como consecuencia do altercado, varios veciños chamaron a policía, que enviou unha patrulla ao lugar, que se fixo cargo da situación e inmobilizou o agresor, quen seguía proferindo ameazas contra o senegalés.

Finalmente, segundo recolle EFE, os axentes conseguiron acougalo e convidárono a abandonar o portal, o que conseguiron ao cabo dun intre e máis ameazas. Xusto cando os axentes marchaban cara ao coche patrulla, o agora detido volveu lanzarse contra a súa vítima.

Impedíronllo de novo os axentes, mais na liorta o home golpeou no ombreiro a un deles, polo que foi inmediatamente reducido, esposado e detido como autor dun delito de atentado contra a autoridade.