CRTVG

Buscar

Buscan o suposto autor dun ataque machista en Vimianzo

Publicado o 15/05/2019 16:26

• Ocorreu contra as 9 na sede de Unións Agrarias, onde ela traballa. A muller foi trasladada en helicóptero ao Hospital Clínico de Santiago

• As autoridades confían en que pronto se deteña ao sospeitoso

Agresión machista esta mañá en Vimianzo. A muller está grave e mantense estable, e o agresor está en busca e captura. A agresión produciuse a primeira hora da mañá na sede do sindicato Unións Agrarias, de Vimianzo, onde traballaba a vítima, unha muller de 48 anos.

A súa ex-parella entrou no local e tras unha discusión entre ambos os dous asestoulle supostamente unha coitelada no pescozo.

El fuxiu do lugar e ela aínda tivo tempo de saír tras el, pero ao chegar á rúa caeu ao chan tras perder gran cantidade de sangue. Outro veciño asegura que aínda tivo tempo de falar co presunto agresor.

A vítima, nai de dous fillos, foi trasladada nun primeiro momento ao centro de saúde de Vimianzo, pero posteriormente foi evacuada ao Hospital Clínico de Santiago, dada a gravidade da ferida que presentaba. A Garda Civil trata de dar agora co suposto agresor, un home de 41 anos, fontaneiro de profesión.

O suceso investígase como caso de violencia machista. O Concello de Vimianzo celebra este mediodía un pleno extraordinario para decidir a convocatoria esta tarde dunha concentración de repulsa e para estudar a posiblidade de suspender hoxe a campaña electoral.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí