CRTVG

Buscar

Agresión con navalla dun home a outro onda un local de copas en Pontevedra

Publicado o 09/09/2019 14:18

A agresión foi contra as oito da mañá deste domingo onda un local de copas da rúa Serra, en Pontevedra.

Un home, de 27 anos de idade, caeu ferido dunha navallada que lle deu outro, de 41 anos, tras derivar en pelexa unha discusión que iniciaran dentro do Búho Azul. De inmediato, alertaron a Policía Local, que acudiu axiña.

Manuel Omil, voceiro da Policía Local de Pontevedra di que "a rápida intervención permitiu a detención do agresor. Ao parecer, a discusión iníciase dentro do local e logo segue na rúa.
Cando están a pelexar na rúa, un deles -un home de 41 anos de idade- saca unha navalla e acoitela un home de 27 anos. A vítima cae, aténdeno quen estaban arredor e inmediatamente acode a policía. O agresor fuxira, pero localízarono inmediatamente nunhas rúas próximas, mesmo portando a navalla, e iso permitiu a detención".

A rapidez da intervención tamén propiciou a evacuación inmediata do ferido ao hospital. O mozo recibiu unha coitelada no abdome. A ferida ocasionada ten a consideración de grave, pero sen perigo para a vida. O agresor pasou o domingo no calabozo da Policía nacional. Os dous, procedentes de Colombia, residen na capital pontevedresa.

Segundo Omil, "son veciños de Pontevedra, efectivamente. Non é habitual este tipo de acontecementos en Pontevedra, pero non cabe dúbida de que poden acontecer estes casos".

O home detido está en dependencias policiais para pasar a disposición xudicial no día de hoxe, acusado dun delito de lesións.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2019