CRTVG

Buscar

Agrede varios clientes dun bar en Lugo e protagoniza unha fuxida espectacular ata que é detido

Publicado o 09/07/2019 14:03

Un mozo de 26 anos presuntamente provocou un altercado neste bar da avenida da Coruña, en Lugo. Cando lle chamaron a atención por botarlle un café por riba a unha clienta, supostamente reaccionou con extrema violencia. Segundo as testemuñas, comezou a lanzar asentos contra o resto de clientes e contra o dono do establecemento, que resultou ferido. Ademais, causou diversos danos dentro e fóra do local.

Jaman Sheikh, dono do bar:
"Chegou o mozo, sentou á beira da señora e tiroulle o café por riba. Cando ela nos avisou, viñemos os dous e intentamos calmalo. El entrou e dentro tiroume unha banqueta a min e o meu compañeiro sacouno para fóra e empezou a coller e a tirar os asentos para todos os lados. Á parte diso, en canto saíu á rúa golpeou uns coches e mais un repartidor. Ou estaba moi drogado ou alcoholizado, non o sabemos."

O altercado foi seguido dunha espectacular persecución policial. Cando uns axentes da Policía Local patrullaban polas inmediacións do bar, foron requiridos por varias persoas. Ao presentarse no lugar, o suposto agresor fugouse, entrou nun edificio e chimpouse por unha ventá cara a unha terraza cuberta, dende onde saltou sobre un valo de dous metros cara a un soar cheo de maleza na rúa Azor, onde finalmente resultou detido.

Jaman Sheikh, dono do bar:
"Chegou a policía e empezou a correr por aí e saltou un muro. Pasou un bo cacho ata que o pillaron. Empezou correndo pola avenida da Coruña e a rúa Mallorca, e despois de media hora, ou cerca unha hora, xa o colleron."

Tras pasar a disposición da Xustiza, o detido foi posto en liberdade con cargos.
 

Noticias web

09/07/2019