Podemos Galicia, Anova e Esquerda Unida non prevén ir ás xerais con En Marea
A dirección de En Marea fixará este sábado o calendario das primarias para os comicios de abril, como "formación propia". Con todo, as organizacións que conformaron a coalición electoral en 2015 e 2016 -Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia- traballan na reedición desa fórmula. As direccións destas organizacións dan por feito que non concorrerán ás eleccións xunta o partido instrumental.
Así as cousas, a confluencia galega acudiría dividida a esa cita electoral: por un lado, a En Marea de Luís Villares como partido propio, e por outro, a coalición electoral de Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia.
De concretarse a ruptura con Villares, estes grupos deberán buscar un novo nome electoral, xa que a marca de En Marea está rexistrada no Ministerio do Interior como partido político a nome de persoas afíns ao maxistrado lucense.
Cruzamento de acusacións polos Presupostos
Ademais, a un día de que En Marea marque o calendario de primarias, os actuais deputados no Congreso cruzan acusacións sobre o ocorrido o mércores na cámara baixa. Alexandra Fernández di que os seus catro compañeiros cambiaron a última hora o seu voto ás emendas dos presupostos presionados por Podemos. "E provocaron unha situación humillante para os deputados galegos que foi votar a favor dunhas contas que son contrarias aos intereses das galegas e dos galegos", dixo Alexandra Fernández
Eles aseguran que votaron en conciencia e acúsana de levar meses afastada do grupo parlamentario, decisión que chegou a comunicarlles por escrito. "Alexandra Fernández practicou co grupo En Marea no Congreso unha absoluta deslealdade", di Fernán-Vello. "Non é a primeira vez que vota diferente da maioría do grupo parlamentario. Recentemente votou contra os traballadores de Alcoa, diferenciado ao que nós votamos", afirma Yolanda Díaz.
E neste contexto, Luís Villares lanza unha advertencia aos aspirantes a estar na lista de En Marea para as xerais. "As persoas que se candidaten deberán aclarar e declarar cales son os seus principios políticos na defensa de noso país", dixo Luís Villares.