CRTVG

Buscar

Ager Aketxe, novo xogador do Deportivo

Publicado o 17/07/2019 17:28

Segue a pingueira de presentacións no Deportivo mentres o traballo de campo non para co espírito de 'gota malaia' que o Anquela lle quere impoñer a este Dépor do segundo intento. Se onte foi Borja Galán, procedente do Alcorcón e para unha posición preferente de estremo esquerdo, hoxe é Ager Aketxe con destino ao mediocampo.

Aketxe é un produto da canteira vasca do Athletic que chega libre ao Deportivo despois de xogar no Cádiz dúas temporadas e probar na liga profesional dos Estados Unidos, no Toronto canadiano, sen demasiada fortuna. Agora aposta polo Dépor malia as ofertas de Primeira.

Coa incorporación de Aketxe, o Deportivo busca un abrelatas para os partidos encoirados e de difícil dixestión que menudean pola Segunda División. Excelente lanzador a balón quieto, cinco dos nove goles marcados co Cádiz foron de falta directa, pero non só un especialista.

No adestramento de hoxe xa participou o porteiro Koke Vegas, nova fichaxe dos coruñeses, que chega do Levante e estivo no ascenso do equipo valenciano na temporada 2016-2017. Máis alicientes para unha afección que, cumpridas onte as dúas primeiras semanas de campaña, xa suma 6.188 abonados, 706 deles novas altas na militancia deportivista.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2019