CRTVG

Buscar

AGADEA celebra 25 anos dedicados a persoas con demencia

Publicado o 20/07/2019 15:16

Coidar non é tarefa doada, e ter que facelo por necesidade, con persoas adultas ás que lles van morrendo as células do seu cerebro é algo para o que a maioría da xente non está preparada. Por iso é importante saber que se pode contar con axuda cando alguén ten un diagnóstico dun familiar que está a perder as súas capacidades mentais.

Alba Felpeta, psicóloga de AGADEA: "Nós o que intentamos ser é un espazo de referencia para familias que se atopan nesta situación. E temos por un lado o traballo directo cos usuarios que van alí facer actividades de estimulación cognitiva, e por outro lado temos as actividades enfocadas aos familiares como son, por exemplo, as escolas de familias, ou aqueles casos que necesitan sesións individuais. Nós intentamos estar para que saiban a onde acudir, e que saiban que hai un grupo de profesionais de referencia que os van asesorar, e que non están sós con todo isto que se lles vén encima."

Sonia Castro, traballadora social de AGADEA: "E tamén intentamos facilitarlles á hora de xestión de recursos, orientación deses recursos, cal é a mellor opción que pode ter a familia nese momento determinado. E en función desas dinámicas familiares e do contorno que teña esa familia"

Por outro lado, no tema da sensibilización, para AGADEA é moi importante mostrarlle as demencias á poboación en xeral, porque é certo que avanzamos moito nos últimos anos, pero aínda é unha enfermidade que é moi descoñecida nos seus síntomas."

Chegadas estas datas, as familias coidadoras tamén precisan desconectar dun traballo que non deixa un minuto de descanso. Sonia Castro, traballadora social de AGADEA: "Desde AGADEA o que tratamos de fomentar é o programa de Respiro Familiar. Un programa que se realiza a través da Xunta que consiste en períodos quincenais ou de fin de semana no que poden ingresar ao seu familiar para que a persoa coidadora poida ir de vacacións ou acudir a un acto que teña, como unha voda. Simplemente descansar e desconectar, que é tan necesario."

Como necesario é concienciar das demencias á sociedade en xeral, porque as persoas enfermas seguen formando parte dela.
 

Noticias web

20/07/2019