CRTVG

Buscar

Ocupación completa nos barcos que van ás illas Cíes no mes de xullo

Publicado o 19/07/2021 14:41

Nin o día anubrado desanimou os viaxeiros que tiñan billete para ir ás illas Cíes. Son os afortunados que foron previsores e mercaron unhas pasaxes que agora vai ser difícil conseguir ata mediados de agosto.

Segundo a coordinadora comercial da navieira Mar de Ons, "practicamente ata a primeira quincena de agosto estaría todo completo para visitar as illas Cíes e neste momento é moi importante facer a reserva con moita antelación, xa que a visita ao parque nacional das illas Cíes é de 18000 visitantes diarios. Entón é moi importante durante a temporada alta facer a reserva con moita antelación". 

Xa o ano pasado o turismo nacional foi maioritario, e a tendencia mantense nestes tempos de pandemia. "Nós vimos de Almendralejo, na provincia de Badaxoz, e tiñamos ganas de vir porque nos dixeron que eran moi bonitas, tanto Cíes coma Ons, e tamén fixemos un percorrido por toda Galicia", di un dos pasaxeiros do barco.

"É a primeira vez que imos ás Cíes, e escollémolas porque é unha illa sen construcións e queriamos ver como é o ecosistema e bañarnos nas súas praias", asegura outro turista.

As navieiras recomendan reservar con moita antelación, e quen vai a Cíes, repite. Onde aínda quedan prazas é no camping das Cíes, que conta con 600 prazas diarias para estadías que non poden superar os 15 días. Un destino seguro, especialmente agora que a Policía Nacional patrulla nas illas facendo labores de prevención de delitos e garantindo a tranquilidade dos visitantes deste paraíso atlántico.

Noticias web

19/07/2021