Afluencia masiva ao cribado de Sada: "Ás cifras dos mortos xa lles poñemos nome e apelidos"
En Sada a incidencia supera os 800 casos por 100.000 habitantes, isto é: multiplica por tres o nivel considerado de risco extremo.
O cribado de antíxenos que desenvolven na casa da cultura durará ata o domingo. Están convocados 7.500 veciños de entre 18 e 60 anos.
Desde que comezaron as probas detectáronse xa 2 asintomáticos, que xa foron illados e postos en corentena e que, de non ser así, estarían circulando pola vila co risco de contaxiar a outros veciños.
A ringleira, que segue e segue e segue, para facer o cribado de antíxenos do concello de Sada da idea da resposta dos veciños ao chamamento do Sergas: "Está sendo entusiasta. Supera de longo o 80% e obrigou a reforzar, cun segundo equipo de enfermería, esta segunda xornada".
Os veciños de Sada levan xa tres semanas con incidencias altísimas. Baixaron algo, pero hoxe volven sumar 8 casos activos: 151 en total. Por iso, acoden masivamente. Saben que os tests de antíxenos poden axudar a detectar supercontaxiadores, individuos asintomáticos pero cunha gran carga viral. Unha tarefa colectiva, que pode axudar a frear unha terceira onda que foi nesta vila, moito peor que as anteriores.
Benito Portela, alcalde de Sada: "Hai máis casos de xente hospitalizada, máis xente na UCI e algún falecido. A verdade é que esas cifras que poden ser tan frías xa lle poñemos nome e apelidos tamén aquí en Sada".
A área da Coruña segue a ser a que máis preocupa. Aínda que en descenso, ten aínda 4.673 casos activos e 76 persoas ingresadas en críticos.