Afectado un bombeiro pola intensa calor nun incendio nunha moblería en Oleiros
Un bombeiro resultou esta tarde afectado pola intensa calor cando traballaba na extinción dun incendio no soto dunha nave de Oleiros, segundo informou Emerxencias 112.As lapas declaráronse sobre as seis e media da tarde no soto dunha nave dedicada á venda de mobles, situada na Avenida das Mariñas.
A proximidade do aparcadoiro e o intenso fume acumulado motivou a mobilización de varias dotacións de bombeiros procedentes dos parques de Arteixo, Coruña e Betanzos, que permanecerán no lugar ata a completa extinción do incendio e a ventilación do espazo, cheo de fume.
Un dos bombeiros resultou afectado cando traballaba na extinción do lume, pero xa foi trasladado consciente e estable ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ( CHUAC) para ser sometido a un recoñecemento médico.Os efectivos do servizo local de Protección Civil colaboran neste operativo, do mesmo xeito que os axentes das Policías Local e Autonómica.