CRTVG

Buscar

Os aeroportos galegos, en mínimos, cun 66 % de descenso de viaxeiros

Publicado o 15/11/2020 13:54

Un panorama non menos desalentador é o que presentan os aeroportos. En concreto, os tres que temos en Galicia perden, no que vai de ano, dúas terceiras partes dos seus usuarios. Para visualizalo mellor: de cada dez viaxeiros con que contaban o ano pasado, agora teñen pouco máis de tres.

Viaxar en tempos de pandemia deixou de ser algo normal para converterse, en moitos casos, nun pesadelo. As diversas limitacións á mobilidade e a diminución de voos reduciron enormemente as viaxes por pracer. Predominan as que se realizan por forza maior, e iso con matices. Como se traduce semellante panorama nos aeroportos galegos? O compostelán da Lavacolla baixa nun 66 % e queda con 847.000 viaxeiros no que vai de ano. O coruñés de Alvedro tamén cae un 66 %, ata os 390.000 usuarios. Finalmente, o vigués de Peinador descende nun 69 %, con 268.000 pasaxeiros neste 2020. Para que se fagan unha idea, A Lavacolla perde no que vai de ano 1.640.000 viaxeiros. E, como consolo cativo, a media no resto do Estado aínda é peor, cunha baixada do 71 % no conxunto aeroportuario.

A un verán difícil sucédeo un outono totalmente negro, e o impacto que iso está tendo nas compañías aéreas conforma un capítulo á parte. A súa crise acada dimensións históricas.

Noticias web

15/11/2020