CRTVG

Buscar

Advirten de que os aliñadores de plástico usados en ortodoncia poden causar problemas de fertilidade

Publicado o 24/02/2021 13:43

A tecnoloxía dixital e a impresión en 3D revolucionaron de tal maneira a odontoloxía que a día de hoxe aparellos como estes aliñadores transparentes son utilizados por millóns de persoas para mellorar a súa dentadura. Elaborados con resinas plásticas, están en contacto directo coa boca do paciente durante tempo prolongado, e agora unha investigación alerta do perigo que poden supoñer para a saúde.

O catedrático de Ortodoncia da USC David Suárez Quintanilla explica que "o artigo deixa claro que parte dos compoñentes das resinas dentais que van na boca teñen unha serie de elementos moi importantes de gran toxicidade para o óvulo".

Segundo esta investigación, realizada en ratos, estes aparellos liberan microplásticos que son inxeridos polo paciente e conteñen disruptores endócrinos, é dicir, substancias que desequilibrarían o sistema hormonal e afectarían negativamente a fertilidade.

"Teñen un efecto sobre o ovario e a capacidade reprodutiva; entón é importante tentar como poidamos substituír os plásticos e todos estes tipos de resinas en aparellos intraorais", conclúe Suárez Quintanilla.

Na actualidade, está en fase avanzada o desenvolvemento dun novo material realizado en celulosa natural que promoven investigadores de Santiago en colaboración cunha universidade suíza.

Noticias web

24/02/2021