Expedientan as hidroeléctricas pola xestión dos encoros do Douro, do Texo e do Miño-Sil
• Advirten do impacto medioambiental do comportamento das eléctricas nos encoros ourensáns
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) abriu expedientes ás empresas que xestionan encoros das concas hidrográficas do Douro, do Texo e do Miño-Sil polo aproveitamento hidroeléctrico que realizaron neses pantanos. O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, detallou que nesas tres demarcacións hidrográficas hai encoros en que se produciron uns niveis de explotación "por encima do que sería recomendable nestas datas".
O secretario de Estado de Medio Ambiente avanzou que tamén hai casos nos que se abriu expediente, non por explotación hidroeléctrica, senón por outros usos, e lembrou que todos os anos adoitan producirse nestas datas "situacións de respostas inadecuadas fronte á presión que supón a escaseza".
O anuncio de Morán produciuse despois de que a semana pasada a vicepresidenta terceira do Goberno e titular do Miteco, Teresa Ribira, contactase con Iberdrola pola drástica redución de auga nos encoros de Ricobayo (Zamora) e Valdecañas (Cáceres) e declaráse "escandalizada ante o que estaba a ver".
Advirten do impacto medioambiental nos encoros ourensáns
A acusada baixada do nivel de tres encoros da provincia de Ourense experimentado nas últimassemanas segue aumentando a preocupación da veciñanza e tamén dos grupos ecoloxistas pola posible afectación nos ecosistemas, na fauna e na flora. Acusan as empresas eléctricas dun uso excesivo da auga e sobre isto pronúnciase o organismo que xestiona a conca do Miño-Sil.
"Non parece razoable que se movan por criterios económicos", di José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Dentro da norma preocupa o das Portas e o Zenza en Vilariño de Conso , nun 15 % e 17 % da súa capacidade fronte ao 71 do ano pasado. O de Salas está nun 27 % da súa capacidade, o ano pasado nestas datas estaba ao 50 %.
Hai alarma entre a veciñanza, malía que a auga do encoro non se emprega para o abastecemento falan doutros danos e prexuízos.As reservas de auga nos encoro ca conca Miño Sil están nun 46 % da súa capacidade, un 27 % menos ca o ano pasado neste mesmo mes de agosto.
A hidrográfica anima a veciñanza e os grupos eecoloxistas a introducir melloras no novo plan Hidrolóxico en fase de exposición pública que gobernará as reservas das masas de auga nos vindeiros 6 anos.