Advirten de que o pan subirá unha media de 10 céntimos polo incremento da luz
Cóntano por exemplo nunha panadería en Vigo. Alí o prezo do pan ten os días contados. Pendentes cada día do prezo da electricidade, están asumindo ademais unha suba de dous céntimos o quilo pola fariña e outros gastos en combustible e transporte; outros panadeiros xa o subiron e aquí de novembro non pasa.
A previsión é pagarmos 10 céntimos máis pola barra normal. Nun mercado cambiante en que a xente comezou a valorar os tipos de pan tras a pandemia, poucos son os que van renunciar a este pracer e ao clásico acompañamento dos xantares.
Nun contexto en que todo sobe de prezo, os consumidores están molestos, pero entenden o sector. Moitos panadeiros están atrasando a suba agardando que o Goberno sexa quen de controlar a brutal escalada do prezo da electricidade.