CRTVG

Buscar

Advirten da venda ilegal de hórreos a través de Internet

Publicado o 11/01/2019 15:46

A súa existencia é símbolo dun modo de vida no rural. Os distintos tipos de hórreos, canastros, cabaceiros, etc., teñen que ver coas características climáticas, orográficas, agrarias ou culturais de cada comarca. Pero todos teñen sentido nun contexto e lugar precisos. Por iso, atesouran un valor que se debe protexer.

Nas últimas semanas apareceron en Internet anuncios de particulares que venden os seus hórreos. Unhas ofertas que os expertos entenden que poden ser ilegais, xa que o titular debe cumprir unha normativa moi estrita.

O abandono da actividade agraria tradicional e o despoboamento do rural aumenta a desprotección deste elemento básico para entender o rural galego.

A Lei de patrimonio cultural de Galicia considera que os hórreos construídos antes de 1901 son considerados Ben de Interese Cultural, polo que calquera actuación sobre eles debe axustarse a unha normativa moi concreta e contar previamente coa autorización do departamento de Patrimonio da Xunta. Isto inclúe a súa venda.

Nas últimas semanas apareceron na Rede anuncios en que se ofertan distintos tipos de hórreos, unha construción cun gran valor etnográfico, cultural e patrimonial no rural galego. A lei protexe tanto os hórreos en áreas públicas e comunitarias como aqueles que se atopan en recintos privados. Están catalogados arredor de catro mil en Galicia.

Noticias web

11/01/2019