CRTVG

Buscar

Advirten da necesidade de manter as medidas de seguridade nos encontros con amigos e familiares

Publicado o 11/08/2020 14:55

Na compra, no traballo, ao ir ao médico... En xeral, nestas situacións a maioría é consciente da necesidade de respectar as normas de hixiene e seguridade contra o coronavirus. Pero parece que a cousa cambia nos encontros con amigos e familiares. Isto fai que moitos contaxios se produzan xusto nestas reunións, onde o risco non desaparece.

Pedro Rascado, membro do comité clínico que asesora sobre a covid-19, é claro: "É máis probable que nos contaxie un amigo porque imos estar máis preto e durante máis tempo. O virus contáxiase por estar preto dunha persoa. Canto máis tempo esteamos e maiores sexan os grupos, haberá máis posibilidades de contaxio". 

E isto non é cuestión de idade. "O xeito de relacionarse dos mozos favorece que se poidan producir esas condutas que facilitan a propagación do virus, pero cando están os maiores sen máscara e uns ao lado de outros tamén aumentan as probabilidades de contaxio", asegura Rascado.

O coidado pasa por seguir estas recomendacións básicas: "Nas reunións con amigos, con familiares, temos que ser estritos. Hai que levar máscara, mellor en espazos abertos, e manter a distancia. Con isto, poñeremos o noso gran de area para controlar a diseminación do virus". Porque a responsabilidade individual é clave no control da pandemia.

 

Noticias web

11/08/2020