CRTVG

Buscar

Advirten de casos de sobredose de vitamina D por accidente

Publicado o 25/03/2019 17:59

A Axencia Española do Medicamento advirte de varios casos graves de sobredoses de vitamina D. Trátase dunha substancia moi receitada para paliar a súa falta no organismo, e nos últimos tempos rexistráronse inxestas de cantidades moito maiores das recomendadas, por erros ou accidente. Con todo, son moito máis frecuentes os casos de déficit desta vitamina tan importante para a saúde.

A Axencia Española do Medicamento advirte do perigo da sobredosificación de vitamina D, unha substancia prescrita con moita frecuencia tanto en idade pediátrica como en adultos, que en niveis excesivos pode causar náuseas e vómitos, aumento da sensación de sede ou mesmo dores musculares ou óseas. Con todo, os casos rexistrados obedecen a erros na dosificación.

A localización de Galicia fai que a radiación solar sexa insuficiente para acadar os niveis óptimos de vitamina D no organismo, por iso se lles pauta un suplemento aos bebés, e por iso é moi frecuente que se lles prescriba a persoas de idade avanzada. O déficit desta vitamina pode provocar moitos problemas, máis aló do raquitismo ou a osteoporose.

Para evitar déficit ou exceso, os médicos recomendan que, quen estea tomando suplementos desta vitamina tome a dose correcta e faga revisións periódicas.





 

Noticias web

25/03/2019