CRTVG

Buscar

Adrián Ben, sexto na final de 800 metros: "Non me rendín nunca"

Publicado o 01/10/2019 21:57

Adrián Ben, o atleta viveirense, disputou este martes a gran final do mundial de Doha cos outros sete atletas máis rápidos do mundo nesa distancia. Ademais, era o único europeo que se plantou na gran final. Todo un honor. Malia ir último en case toda a carreira, Ben fixo unha arrancada final espectacular e acabou sexto. Fixo 1 minuto, 45 segundos, 58 centésimas. Só ten 21 anos. 

Ao finalizar declaraba estar orgulloso do seu rendemento e que este martes lle facía "falta un guindastre" para poder levantarse polo cansazo acumulado. "Estaba cansado porque disputei tres 'finais' en catro días. As eliminatorias e as semifinais xa foron finais para min. A final foi un pouco rápida", dixo.

"Estou contento por volver correr en 1:45 tras baixar aí hai pouco e case sen descanso... Hoxe facíame falta un guindastre para poder levantarme polo cansazo", explicou Ben.

"Non me rendín nunca. Pensei: non cheguei aquí para volverme á casa cunha última praza. A fatiga acumulada golpeoume un pouco máis hoxe na final. A miña idea era facer a miña carreira e que saíse o que saíse. Sinto un orgullo incrible", comentou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/10/2019