Adolfo Domínguez planea abrir 23 tendas en México en cinco anos

A cadea téxtil galega Adolfo Domínguez prevé abrir 23 novos puntos de venda en México nos vindeiros cinco anos, tras unha alianza cos grandes almacéns Palacio del Hierro. As tendas situaranse tanto a pé de rúa como en centros comerciais.
Segundo informa nun comunicado, o plan de consolidación nese país pretende "acelerar" o crecemento da compañía no continente americano "unha vez que se reduzan as restricións" derivadas da crise da covid-19.
Adolfo Domínguez conta cunha rede de 121 tendas en seis países de América Latina -Colombia, Perú, Chile, Costa Rica e Guatemala- e 110 establecementos en México. A directora de expansión internacional da compañía, Anabel Rúa, reivindica a importancia estratéxica deste mercado no que teñen un de cada tres puntos de venda.
De acordo cos datos da compañía con sede en San Cibrao das Viñas, a cadea mexicana do grupo BAL é a principal referencia comercial do país cunha facturación anual de 35.610 millóns de pesos en 2019 (1.500 millóns de euros). O acordo asinado tenta dar continuidade "á estreita colaboración" entre ambas as dúas firmas dende 1997.
Pola súa banda, Adolfo Domínguez factura 115 millóns de euros anuais, comercializa os seus artigos en 348 puntos de venta de 18 países e, no exercicio 2019-2020, empregaba 1.209 profesionais.