CRTVG

Buscar

Adolfo Domínguez perde 8,1 millóns nun trimestre coa venda 'online' como principal fonte de ingresos

Publicado o 16/09/2020 12:02

A firma téxtil Adolfo Domínguez perdeu no seu primeiro trimestre fiscal (marzo a maio) 8,1 millóns de euros, un 478 % máis que un ano antes, arrastrada pola crise da covid-19, que obrigou a que ata o 92 % das súas tendas permanecesen temporalmente pechadas durante o período.

O peche de establecementos trouxo consigo unha caída de vendas do 67,3 %, ata 6,7 millóns, e un resultado bruto de explotación (ebitda) negativo de 4,6 millóns, fronte aos 1,1 millóns en positivo dun ano antes, segundo as contas remitidas á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A facturación retrocedeu en todos os mercados nos que opera a compañía, que, con todo, subliñou que en España perdeu o 35 % das súas vendas acumuladas entre xaneiro e maio, fronte á caída media do 45 % no conxunto do sector.

A venda en liña sobe o 52,3 % e é a súa principal fonte de ingresos

Fronte á caída en tendas físicas, as vendas a través de internet disparáronse o 52,3 % e posicionáronse como o principal forte de ingresos da compañía galega durante o confinamento.

Nun comunicado, Adolfo Domínguez apuntou que para facer fronte a esta situación adoptou medidas extraordinarias, entre as que se inclúen a redución en máis dun 34 % dos seus gastos operativos, a aplicación de expedientes de regulación temporal de emprego ou a obtención de financiamento extraordinario.

"A día de hoxe temos xa o 88 % da nosa rede comercial reactivada (336 de 381 puntos de venda). A reapertura permite recuperar vendas, pero o nivel de consumo está lonxe da normalidade. En agosto, por exemplo, as vendas mantivéronse un 25 % por baixo do habitual", subliñou o director xeral de Adolfo Domínguez, Antonio Puente.