CRTVG

Buscar

Adolfo Domínguez acorda cos sindicatos un ere para 259 traballadores

Publicado o 19/05/2021 21:30
Adolfo Domínguez acorda cos sindicatos un ere para 259 traballadores

O grupo Adolfo Domínguez alcanzou un acordo co 100 % dos representantes laborais dos seus traballadores (CC. OO., UXT, CIG e ELA) para reducir en 259 persoas o seu persoal a través dun expediente de regulación de emprego (ERE), isto é, unha cifra inferior aos case trescentos afectados que expuña inicialmente.

Así o trasladou á dirección xeral de Traballo, despois do acordo subscrito coas organizacións sindicais tras varias semanas de negociacións. Nun comunicado, a firma téxtil detalleu que este acordo inclúe 55 prexubilacións, con "saídas voluntarias por parte dos profesionais e un plan de recolocación para aqueles empregados que o soliciten". A redución de persoal aplicarase en 65 postos nos servizos centrais que ten a firma en Ourense e en 139 na súa rede de tendas en España.

Doutra banda, o grupo confirmou o seu compromiso para manter a súa rede de tendas en España formada por 174 puntos de venda, aos que se engaden 168 puntos de venda en dezaseis países.

Na actualidade, a compañía sinala que puxo en marcha un programa de transformación e eficiencia, que inclúe "unha aceleración dos seus procesos tecnolóxicos, o reforzo da súa canle en liña e a consolidación do seu proceso de internacionalización", coa apertura desde marzo de 2020 de catorce establecementos en Portugal, España, México, Colombia, China e Guatemala.

Adolfo Domínguez incrementou nesta nova etapa do grupo, iniciada en 2017 coa incorporación de Adriana Domínguez e Antonio Puente, as vendas comparables "nun 30 %" en catro anos ata marzo de 2020. Así, a compañía prevé recuperar, unha vez finalicen as restricións xeradas pola pandemia da covid-19, o ritmo de facturación previo á crise sanitaria.

Noticias web

19/05/2021