CRTVG

Buscar

Admitido o recurso da familia Franco contra a suspensión das actuacións en Meirás

Publicado o 08/06/2021 16:31
Admitido o recurso da familia Franco contra a suspensión das actuacións en Meirás

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña admitiu a trámite o recurso da familia Franco contra a suspensión das actuacións sobre Meirás ata resolver se o mobiliario é parte do inmoble.

Os demandados rexeitan as cuestións incidentais promovidas pola Administración Xeral do Estado e polo Concello de Sada, segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A dilixencia de ordenación do xulgado, emitida este martes, acorda a admisión a trámite do recurso de reposición presentado pola familia Franco "en prazo e forma" contra a providencia do pasado 19 de maio que suspende as actuacións relativas ao pazo de Meirás ata resolver se o mobiliario forma parte do inmoble que os herdeiros do ditador deben devolver ao Estado.

A administración estatal presentou un incidente de execución en que demandou a "necesaria conservación do inventario" aprobado no seu día polo xulgado, así como unha segunda cuestión  incidental en que solicitou a "delimitación dos bens integrantes e pertenzas" do pazo.

Pola súa banda, o Concello de Sada reclamou que se inclúa, a efectos de execución de sentenza, o mobiliario como parte do pazo de Meirás.

Contra esta dilixencia de ordenación emitida hoxe cabe presentar recurso de reposición no prazo de cinco días.

Noticias web

08/06/2021