CRTVG

Buscar

Adíase ata o 28 de abril a vista de apelación polo crime de Diana Quer

Publicado o 25/03/2020 12:36
Adíase ata o 28 de abril a vista de apelación polo crime de Diana Quer

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou aprazar a vista de apelación polo crime de Diana Quer prevista para o próximo 31 de marzo ao 28 de abril ás 11 horas. A pandemia de coronavirus e o estado de alarma decretado fixeron que os maxistrados decidiran este adiamento.

O tribunal considera "decisivo" á hora de tomar esta decisión o feito de que José Enrique Abuín, condenado pola morte da moza, non sairá de prisión ata decembro de 2032, que é a data de vencemento da prisión provisional.

A Sala tamén destaca que existen "dificultades técnicas" para a celebración por videoconferencia da vista e resaltan os "riscos para a saúde" que suporía para as persoas que necesariamente terían que asistir.

A avogada do acusado recorreu ante o TSXG a sentenza da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, que, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, o condenou como autor da morte de Diana Quer á pena de prisión permanente revisable e a dez anos de liberdade vixiada por cometer un asasinato con aleivosía.