CRTVG

Buscar

O Sergas adianta a segunda dose de AstraZeneca unha semana ao grupo de 60 a 69

Publicado o 16/06/2021 13:01

Sanidade prevé que o proceso de vacinación no grupo de 12 a 17 anos coincida co inicio do curso

• A poboación menor de 39 comezará a vacinación en xullo coa posibilidade da autocitación

 

As persoas maiores de 60 anos vacinadas cunha primeira dose de AstraZeneca recibirán a segunda unha semana antes do previsto. O conselleiro de Sanidade anunciou que, nos vindeiros días, recibirán unha citación para completar a pauta na semana once, e non na doce como estaba disposto nun primeiro momento.

Na conferencia de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, Julio García Comesaña garantiu unidades suficientes para maiores de 60 e para o persoal esencial inmunizado co soro de Oxford. Segundo confirmou, este último colectivo está a optar maioritariamente por repetir con AstraZeneca.

Para o grupo de 12 a 17 anos, o Sergas prevé que o proceso de vacinación coincida co inicio do curso. Respecto á poboación menor de 39, asegurou que a vacinación vai comezar no mes de xullo coa posibilidade da autocitación.

"Queremos ser sensibles a situacións puntuais de xente que ten que viaxar por motivos educativos ou laborais", explicou, "pero seguiremos mantendo o sistema actual de chamamentos". O conselleiro considerou importante dar opcións, tendo en conta que a adherencia á inmunización diminúe a medida que baixa a idade dos grupos. "Pasamos do 93-95 % ao 85 %", subliñou. 

"A mocidade non é allea ao virus"

Para evitar que esta porcentaxe siga aumentando, fixo un chamamento á xente nova. "É importante que se cumpran as normas básicas de convivencia e acudir aos centros de vacinación cando nos chaman" porque "a mocidade non é allea ao virus".

Neste sentido, lembrou que arestora hai persoas con covid-19 de idades temperás ingresadas nas unidades de coidados intensivos. "Temos unha de 22, outra de 25 e outra de 35 anos", salientou. 

Noticias web

16/06/2021