CRTVG

Buscar

Adíanse ao último trimestre do ano as probas selectivas de oposicións xa convocadas

Publicado o 29/04/2020 13:15

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou este mércores que as probas selectivas das oposicións xa convocadas pospóñense ao último trimestre, unha medida "en liña co que piden os sindicatos" e que busca "achegar certezas e seguridades", dixo.

O conselleiro destacou que siguen cumprindo os acordos asinados cos sindicatos para favorecer a estabilidade na función pública autonómica.

Así o avanzou nunha comparecencia a petición propia no Parlamento de Galicia en que destacou que, a pesar de que "unha pandemia como esta é imprevisible", a Xunta de Galicia afronta a situación "mellor preparada e coa mellor anticipación que podía ter" grazas "á estabilidade política e institucional".

Plan de recuperación en dúas semanas

Valeriano Martínez compareceu na  Deputación Permanente para informar das medidas financeiras para facer fronte á pandemia. O conselleiro de Facenda destacou o plan de liquidez para a tesourería da Xunta de 1.800 millóns que permitu reduciu o pago a provedores a 14,5 días. Lembrou tamén a suspensión dos principiais impostos autonómicos do que se benefician unhas 32.000 persoas e a creación dun fondo de cen millóns para reforzar o gasto sanitario e social. Dixo o conselleiro que estas medidas son posibles grazas á estabilidade política e económica de Galicia.

"Galicia ten o orzamento aprobado en prazo e en vigor desde o primeiro de xaneiro. Esta ferramenta é clave para acometer as medidas que estamos poñendo en marcha. A proba está nas dificultades que están tendo as comunidades que o teñen prorrogado e, sobre, todo, o Goberno central. Non se poden facer trampas. Refírome aos recursos que o Goberno central anunciou como adicionais porque non son máis que un anticipo do que nos corresponde", di Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda.

A oposición criticou as medidas da Xunta por escasas e pídenlle máis axudas para os autónomos. Din que manteñen a disposición a lograr grandes pactos, pero tamén lle reclaman ao Goberno galego que asuma as súas responsabilidades.

"O Goberno galego ten que parar xa de excusarse na mala xestión do Goberno central. Ten que reclamar o que é seu, por suposto pero o Goberno galego ten as súas responsabilidades", afirma Davide Rodríguez do Grupo Mixto.

"Vostedes critican que o Estado lle confisca recursos a Galicia pero logo defenden o modelo centralista. Animámolo a que lle reclame ao Estado todos os recursos que lle corresponden a Galicia pero vostedes nin sequera foron capaces de reclamar pola vía xudicial os cartos que xa, con anterioridade, dicían que nos adebedaba o Estado", asegura Ana Pontón do BNG.

"Propoñeremos no futuro que as residencias nun prazo ben curto sexan, maioritariamente, de xestión pública directa. Ou cando falamos da precariedade laboral que están prexudicando na sanidade. Estabilidade laboral para o persoal sanitario", di Antón Sánchez do Grupo Común da Esquerda.

"Terán a lealdade para as medidas que tomen pero o cheque en branco que o PP quixo coller nestas seis semanas é un asalto ao acordo político que posibilitou que hoxe haxa un goberno en condicións interinas pero un goberno con plenitude de funcións. Acompañen o Goberno de España, sexan leais", afirma Gonzalo Caballero do PSdeG.

A oposición coincidiu en criticar a ausencia no Parlamento do presidente da Xunta e cuxa comparecencia xa reclamaron. En resposta, o Partido Popular avanzou que o presidente da Xunta vai volver comparecer na cámara. Para Pedro Puy o "punto de partida co que Galicia afrontou a crise do coronavirus facilitou unha mellor e máis rápida reacción".

"O conselleiro dounos hoxe un punto de partida que nos permite estar mellor ante a crise. Cando chove é mellor ter chuvasqueiro a man. Outras comunidades autónomas e mesmo Estado, que incumpriron os obxectivos de déficit, están moito peor cubertos que a Xunta de Galicia. A Xunta non lle está facendo aos concellos o que lle está facendo o Goberno de España ás administracións autonómicas", afirma Pedro Puy do PPdeG.,

A oposición coincidiu en criticar a ausencia no Parlamento do presidente da Xunta e cuxa comparecencia xa reclamaron. En resposta, o Partido Popular avanzou que o presidente da Xunta vai volver comparecer na cámara. Para Pedro Puy o "punto de partida co que Galicia afrontou a crise do coronavirus facilitou unha mellor e máis rápida reacción".