CRTVG

Buscar

Adían a reconstrución do accidente en que morreu unha parella en Palmeira

Publicado o 23/09/2019 19:54
Adían a reconstrución do accidente en que morreu unha parella en Palmeira
A Garda Civil aprazou debido ás condicións meteorolóxicas a reconstrución -prevista para este luns- do accidente rexistrado o pasado 4 de maio entre a parroquia ribeirense de Palmeira e o municipio coruñés da Pobra do Caramiñal, en que morreu unha parella de mozos.
O Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico, un equipo especial da Garda Civil de Tráfico, previra realizar a reconstrución ao longo da mañá do luns, aínda que o mal tempo levou a trasladar a previsión á tarde; finalmente, este foi posposto, coa vontade de realizala ao longo do martes, segundo fontes da Garda Civil.
O accidente tivo lugar o pasado 4 de maio na AC-305, no límite entre A Pobra do Caramiñal e a parroquia de Palmeira, en Ribeira, cando o coche dos dous mozos -un pobrense e unha ribeirense- e outro vehículo, dunha veciña de Ribeira, chocaron nunha curva. Os dous mozos faleceron no sinistro, mentres que a outra persoa implicada foi trasladada ao Hospital Clínico de Santiago con feridas graves; tras recuperarse, o xuíz titular do Xulgado de Instrución número un de Ribeira decidiu deixala en liberdade provisoria con cargos, retirarlle o carné de conducir e requisarle os seus vehículos.
O informe que elaborará o equipo especial da Garda Civil tras a reconstrución será fundamental para determinar as causas do sinistro.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí