CRTVG

Buscar

Adega denuncia a Iberdrola e a Xunta polo baleirado dos encoros

Publicado o 23/09/2021 12:15
Adega denuncia a Iberdrola e a Xunta polo baleirado dos encoros
EFE

A asociación ecoloxista Adega denunciou ante a Fiscalía de medio ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a actitude de Iberdrola e da Xunta de Galicia polo baleirado de auga nos últimos meses de dous encoros da conca hidrográfica do Miño-Sil, e solicitou unha investigación polo "brusco descenso do caudal" e as súas consecuencias ambientais.

Nun comunicado, Adega sinala que os encoros de Cenza e Portas, no municipio ourensán de Vilariño de Conso, "non superaron o 15 % da súa capacidade" despois de que a enerxética Iberdrola, que ten unha concesión de aproveitamento hidroeléctrico, "decidiu turbinar os caudais en plena época de estiaxe para producir electricidade nun momento en que o seu prezo alcanzaba máximos anuais".

Adega indica que hai evidencias de que Iberdrola "non respectou os prazos establecidos" na regulamentación autonómica e por iso "o ecosistema fluvial e a fauna piscícola puideron verse afectados". Engade que o regulamento autonómico sobre de pesca fluvial obriga as empresas concesionarias de encoros a comunicar as operacións de redución do caudal por baixo do 20 % da capacidade.

Nese sentido, considera que os responsables da Xunta poderían incorrer en "prevaricación por omisión" porque, "a pesar de que a Consellería de Medio Ambiente tivo coñecemento do baleirado" o 10 de xuño do encoro de Cenza e o 12 de xullo do de Portas, os técnicos de Medio Ambiente "non visitaron eses encoros afectados" ata o 20 de agosto, é dicir "70 e 38 días, respectivamente", máis tarde.

Para Adega, iso "evidencia un grave abandono de funcións por parte da Xunta ao renunciar á súa capacidade inspectora, cunha máis que posible resultado de danos aos recursos piscícolas, ás especies protexidas e aos recursos naturais da zona de especial conservación Macizo Central".

Ademais, apunta que tanto a Xunta como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, un órgano de xestión de encoros desa conca dependente do Goberno central, "tiñan competencias para evitar o baleirado dos encoros e coñecían as intencións das eléctricas".

Con todo, os representante da Confederación Hidrográfica Miño-Sil alegan que "non puideron evitar a baixada dos caudais embalsados por non afectar as normas de explotación dos aproveitamentos" e subliña que nos expedientes informativos abertos "non detectaron incumprimentos" das condicións de concesión.

Nese sentido, o Ministerio para a Transición Ecolóxica procedeu o pasado 16 de setembro a modificar de maneira "exprés" a Lei de Augas para introducir mecanismos que eviten eses baleirados, apunta a asociación ecoloxista.

Adega critica a actitude de "desidia" da Xunta susceptible de "crebar" a "credibilidade e a confianza nas institucións", ademais de denunciar a súa "prevaricación omisiva", polo que pide á Fiscalía do TSXG "abrir dilixencias de investigación para determinar as responsabilidades tanto das empresas concesionarias" como das administracións públicas.

Noticias web

23/09/2021