CRTVG

Buscar

Acusan de homicidio imprudente os pais do bebé falecido en Ourense

Publicado o 22/01/2020 13:24

Os pais dun bebé de Ourense falecido en marzo do ano pasado enfróntanse a unha acusación de homicidio imprudente. O xuíz entende que puido haber unha conduta neglixente, ao deixar o pequeno, de dous meses, durmindo á beira dun calefactor eléctrico sen supervisión. Tamén están sendo investigados por lesións ao xemelgo do bebé falecido.

Os pais dos xemelgos prestaron declaración no xulgado en marzo do ano pasado, días despois do falecemento dun dos bebés e do ingreso do outro no hospital con catro costelas rotas. Acababan de cumprir dous meses.

Ante os medios de comunicación, o pai manifestou, daquela, que a morte se produciu mentres durmían: "Deulle o biberón e quedou durmida. Foi unha hora, ou hora e media. Levantouse a ver como estaba e, cando foi velo, deu un berro. O neno xa estaba cos ollos negros, non respiraba, xa non había maneira".

Nun primeiro momento, o xuíz imputoulles un delito de lesións polo bebé ferido, e sobreseu o caso do falecido porque a autopsia non era concluínte. Agora, atendendo ao recurso da fiscalía, abre a posibilidade dun homicidio imprudente por neglixencia grave dos pais.

Segundo argumenta no auto que lles acaba de trasladar ás partes, a morte do pequeno non se debeu a causas fisiolóxicas, senón ao feito de que os pais o deixasen durmindo nun portabebés orientado cara a un calefactor aceso. Indica que o neno estaba completamente empapado e tamén a funda de tea e o portabebés. E conclúe que hai indicios suficientes para considerar os pais responsables do falecemento do seu fillo.

Un delito por homicidio imprudente que se suma ao de lesións polos danos supostamente ocasionados ao irmán e que o forense considera compatibles cun zarandeo brusco, e non por un intento de reanimación, como alegaba o pai: "Eu fíxenlle a RCP. Grazas a Deus, sabía facelo. Conseguín que respirara. Tiña as costelas rotas, pero respiraba".

A Fundación Amigos de Galicia acaba de anunciar que se vai presentar como acusación popular.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/01/2020

Máis sobre Ourense